Que son os Murabellos

Os Murabellos, ou as pozas dos Murabellos, é un lugar situado nas ladeiras da Serra de Santa Eufemia, na aldea de Ludeiros, da parroquia de Manín, no concello de Lobios, onde había, e hai 3 pozas e un pociño ou pozanco, para xuntar a auga que nace nesta parte da serra e regar as veigas desta aldea arraiana, con ela.


A auga simboliza a vida, e as pozas son parte do ciclo de todo o que implica unha colleita para rematar sendo alimento. Por iso escollemos a pinga como símbolo desta iniciativa literaria.



Antes íase ós Murabellos, ou ás pozas dos Murabellos, no vrao, a buscar a auga, para regar as leiras de millo, patacas, centeo ou as hortas onde se cultivaban as legumes e verduras que se consumían na casa.



Ir dende a aldea de Ludeiros ata os Murabellos levaba unha media hora. Ó chegar íanse abrindo as pozas: as 3 dos Murabellos e o pozanco, e as 3 das Barreiras e xuntábase toda a auga na vella poza, algo máis abaixo, do Porto do Carro. Ó abrir a poza do Porto do Carro acompañabámola polo rego, para que non se perdese no monte; o rego íase desfacendo co paso do gando e das bestas, e cumpría que chegase toda a auga á leira ou leiras que se ían regar ese día. A auga destas pozas anda á sorte entre a veciñanza, en proporción do terra que posúen.


A comezos da década dos 80, os herdeiros da auga decidiron construír unha nova poza do Porto do Carro, ben grande, na parte máis alta do lugar, onde dese para regar todas as leiras, e canalizouse a auga dos Murabellos e o resto de pozas ata a nova, que é moderna (ábrese cunha chave de ferro fundido, e xa non fan falla terróns). Mais, os Murabellos seguen formando parte da memoria, e con este modesto proxecto queremos manter vivo ese recordo, porque a auga segue correndo, como corren os versos para crear a poesía.


Os mapas empregados nesta publicación son facilitados polo sistema de información xeográfica de Galicia da (Xunta de Galicia): PNOA 2020 e do voo Americano de 1956-57, enlace para acceder ós mapas.


Última actualización: maio do 2025